Ferrol: Unha presunta «Milla de ouro» cultural

burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

Fai algúns anos un político municipal ferrolán tivo a ocorrencia de dicir aquilo de que Ferrol ía a dispoñer dunha “milla de ouro” onde se atoparían un bo número de instalacións culturais, tanto de carácter público como privado, indo de Levante a Poñente, desde o edificio da Fundación CaixaGalicia ata Capitanía Xeral.

Vexamos no que quedou esta historieta. A sede da Fundación CaixaGalicia, pagando os enganos aos cidadáns e a horrible xestión de NovaGalicia Banca, vai arrastrándose cara a súa desaparición. O Teatro Jofre está a levar una programación cada vez máis descoordinada e do mínimo interese. Subindo cara ao Norte, atópase o Centro Cultural (que chaman Torrente Ballester), cuxos xestores, se los hai, son totalmente incapaces de poñer en marcha o necesario Museo da Cidade, facendo tan só de xeito ocasional algunha mostra de artistas ferroláns na que fora a Sala de Autopsias do antigo Hospital.

O recentemente aberto edificio do Legado Carvajal (quizais mellor Carajal) neste intre é una barafunda onde conviven ou mellor malviven tres decadentes asociacións culturais (AF, SAF e SFF) e outra presuntamente veciñal, mentres que na seguinte mazá o Real Coro Toxos e Froles, camiño do seu centenario, semella pasar por horas baixas. No que atinxe a Capitanía Xeral neste intre tan só acolle un cativo Arquivo Naval, os restos de naufraxio que quedaron en Ferrol dos interesantes fondos documentais dos séculos XVIII e XIX, hoxe gardados no Arquivo da Armada en Viso del Marqués.

Mentres tanto non se coñece cal vai a ser o destino do anunciado contedor cultural do antigo Hospicio, do que tanto se lle enchía a boca ao Concello varias lúas atrás. A Fundación FerrolMetrópoli, hoxe baixo administración xudicial, corre o risco de perder a súa ampla e interesante documentación sobre Ferrol da Ilustración se ninguén toma algunha acción sobre o particular. Con referencia ao Auditorio municipal de Caranza fai tempo que non temos novas das intencións do Concello.

Neste escenario tan só a Galería Sargadelos fai algunha cousiña de interese, mentres o Club de Prensa e a Cátedra Jorge Juan continúan a vexetar, e a Universidade está ausente, como sempre. Neste intre, nunha sala da Exponav pódese ver unha manifestamente mellorable Exposición sobre Ferrol da Ilustración cara ao Patrimonio Mundial, curiosamente “promovida” por unha voluntariosa Confederación de Empresarios de Ferrolterra.

Que se pretende con esta Exposición ? Acaso non é capaz o Concello de retomar o tema do Patrimonio da Humanidade con certa garantía? Supoñendo que se considere necesario seguir adiante, trala desaparición de FerrolMetrópoli, a demostrada parálise da Exponav e a incapacidade do Concelleiro de Cultura, auténtico xoguete roto do Concello, acaso non existe en Ferrol outra cousa que unha organización empresarial para reconducir este asunto, algunha entidade que teña a necesaria capacidade técnica para encargarse dunha seria xestión do tema do Patrimonio Mundial? Por último, e o máis importante: están os ferroláns, xa non digamos ilusionados, tan sequera interesados neste asunto ?

 

 

 

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …

Un comentario

  1. Fantastico , enhorabuena como siempre dando en el clavo…..verdades como puños.