Clips

Miguel AlonsoMiguel Alonso

Vexo na tele a uns señores maiores coa palma dereita levantada na manifestación da Asociación de Vítimas do Terrorismo. Do terrorismo de ETA. Outros terrorismos danlles igual. Non se pode comparar isto, parecen dicir, cos crimes do franquismo, por exemplo.

Estou a xantar e observo a un presentador de televisión falar da Doutrina Parot. Di que, por culpa de Estrasburgo, os violadores poden quedar na rúa. Dos dereitos humanos non fala. Tamén conta que na manifestación estiveron presentes políticos de distinto signo, mais na imaxe só se ven políticos do PP.

En Grecia, hai uns días, asasinaron a dous neonazis e todos falan do “círculo vicioso da violencia”. Dino agora que mataron aos de Amanecer Dorado, claro. Antes en Grecia non pasaba nada.

30 familias acaparan a maior parte da riqueza do país, di outro xornal. Algúns deles teñen coñecidos problemas con Facenda. Outros solucionáronos grazas á famosa lei de amnistía fiscal do goberno. Quédense ben coas súas caras, eles gobernan o país.

“La Gaceta” publica unha foto de Rosa Díez baixo o lema “La izquierda nacional”. E eu non sei se rir ou chorar ante o esperpento de titular. Xa se están a preparar por se caen os outros?

Danlle moito bombo tamén a que o xuíz Garzón e outros persoeiros “de esquerdas” (agora mesmo estou a morrer coa risa enriba do ordenador) ofrécense ao PSOE para parar ao PP. O mesmo PSOE que está a organizar un novo congreso para ver se son monárquicos ou republicanos, de esquerdas ou de dereitas, chicha ou limoná.

Miro as noticias, leo os xornais, fago clics na web e eu penso que vivo nun mundo paralelo ao que retransmiten os medios. Benvidos ao NO-DO do século XXI.

 

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …