Día das Letras Galegas ¿Para cando Carballo Calero?

burgoajjburgoa@hotmail.com– TIRANDO A DAR

O ano 1963 creouse o Día das Letras Galegas co gallo de conmemorar o centenario dos “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. Co paso dos anos a festividade foi callando entre os galegos, orixinando unha crecente produción editorial e un mellor coñecemento da escrita en galego, mentres se levaban a cabo diversos actos culturais na honra do escritor premiado. Ao nomearse ao poeta lucense Xosé M. Díaz Castro para o próximo 2014, cúmprense cincuenta e un anos da conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicados tanto a narradores e poetas como a historiadores e etnógrafos, sendo tres as mulleres galardoadas: Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño, e tamén foron tres os cregos premiados, frei Martín Samiento, Lago González e López Ferreiro.

A meirande parte dos premiados naceron en Galicia. Tan só seis deles naceron fóra do país: Alfonso X o rei Sabio, fillo de Toledo; o Pai Martín Sarmiento, natural do Bierzo; Xohán V. Viqueira, nacido en Madrid; Losada Diéguez, da raia de Vegadeo; e Luis Seoane, de Bós Aires e Lorenzo Varela, de La Habana, fillos da emigración. Percorrendo os lugares da orixe dos corenta e cinco autores nacidos en Galicia, contando dun xeito unitario os tres poetas medievais, Martín Códax, Mendinho e Xoán de Cangas, aparece no primeiro lugar a provincia da Coruña con trece premiados, seguida das de Pontevedra e Lugo con once e, no derradeiro lugar, Ourense con dez galardoados. Dentro da provincia coruñesa, hai tres autores naturais de Santiago, outros tres de Rianxo, dous da cidade da Coruña e o resto repartidos pola provincia. Dentro de todos eles, ningún autor naceu na Terra e Mar de Ferrol.

Ferrol, cidade de nova creación o século XVIII, estivo sometida a un intenso trafego de funcionarios e traballadores, procedentes de diversos lugares de España e Europa. Isto orixinou unha estrutura social cunha clase dirixente, desarraigada dos costumes e usos galegos, e un forte proletariado, coa ausencia dunha puxante clase media. Neste contexto semella lóxico a preponderancia do idioma castelán como lingua usada polo estrato social dominante, con maior peso específico que noutros lugares de Galicia.

Foron moitos os escritores ferroláns coñecidos polo seu uso do castelán: Lucas Labrada, Fernández Varela, Alonso López, Benito Vicetto, Francisco Suárez, Concepción Arenal, Nicolás Fort, Luciano Taxonera, Goy de Silva, Rubia Barcia, Montero Díaz, Torrente Ballester e José L. Prado Nogueira, ademais do tudense Leandro de Saralegui e do toledano Tomás Barros, afincados en Ferrol. A pesares do anterior, tamén Ferrol e a súa bisbarra foron o berce de sobranceiros escritores na lingua galega. Comezando por Fernando Esquío, o trovador medieval de Neda, cumpre citar a Alberto Camino, Aureliano Ribalta, Guerra da Cal, Dictinio de Castillo-Elejabeytia, Domingo Díaz de Robles, Juan Gómez de Ferrol, Emiliano Balás, Manuel Comellas, Cabo Pastor, Pérez Parallé, Xaime Quintanilla, Álvaro Paradela e Rubia Barcia.

CarvalhoCaleroHai que salientar a figura de Ricardo Caballero Calero, membro do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Gallega e do Instituto Padre Sarmiento, sendo o primeiro catedrático de Lingua e Literatura da Universidade de Santiago. A súa ampla obra literaria inclúe poesía, ensaio, crítica literaria, teatro e narrativa. “A gente da Barreira” considérase a primeira novela publicada en galego despois da Guerra Civil. Na súa abondosa obra poética recompilada en varios volumes, aparecen coñecidos poemas referidos a Ferrol, caso de “Praza Vella” e “Domingo de Feira”. Os seus traballos no eido da filoloxía, tanto de crítica literaria como de estudo da lingüística, foron de gran importancia para a lingua galega. De xeito especial, a súa monumental obra ¨Historia da Literatura Galega Contemporánea” está recoñecida como unha obra imprescindible para o coñecemento da literatura galega desde o inicio do século XIX.

Desigual valoración e certa polémica espertou a súa obra e as súas teorías nas que, na última etapa da súa vida, propugnou a reintegración lingüística galego-portuguesa, en conflito co proceso oficial de normalización do idioma galego, mantendo unha postura discutible, pero lexítima. Non obstante, Ricardo Carballo, home integrador e xeneroso, mesmo durante anos de esquecemento e illamento, estivo sempre por riba dos estúpidos instigadores dun e doutro signo.

A pesares dos seus recoñecidos méritos e da calidade dos seus abondosos traballos, bastante máis importantes que os dalgúns premiados, de obra escasa e pouco coñecida, Carballo Calero, nin con Barreiro Fernández, nin con Méndez Ferrín, nin con Alonso Montero ao fronte da Real Academia Galega, foi quen de ser nomeado para este galardón. Ante a apatía institucional, xa é hora de que o Concello de Ferrol, na vez de mercar as ruínas da súa vivenda, se poña ao fronte das apáticas asociacións culturais de Ferrol e se dedique á merecente labor de reivindicación de Carballo Calero.

 

 

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …

Un comentario

  1. Eliseo Zaera Rios

    Dacordo coa reivindicación de Carballo Calero para o Día das Letras Galegas. Cicáis a crise, o «furbol», a corrupción, os políticos e tantas outras cousas que estamos a vivir nesta encrucillada do primeiro cuarto de século…, nos saturan a mente e anulan a imaxinación creativa, tan necesaria para artellar vieiros axeitados que nos leven a conquerir ese obxectivo…