Xornada técnica sobre o maltrato a persoas maiores en San Sadurniño

anciana

Esta tarde do venres 14 O Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia e o centro residencial Suacasa organizan un obradoiro centrado na prevención e actuación diante dun caso de maltrato a unha persoa anciá. A sesión conta coa colaboración da área municipal de Benestar social e vai dirixida principalmente a profesionais da xerontoloxía, persoas que traballen cos maiores ou a calquera que teña interese no tema.

Os casos de malas prácticas na atención ás persoas maiores por parte de persoas do seu contorno adoitan ser pouco coñecidos e, como consecuencia, as persoas que os sofren están mais indefensas. É un problema con escasa visibilidade xa que existen poucas denuncias e polo tanto tamén pouca repercusión mediática. Ademais, moitas veces os casos encúbrense xa que as persoas afectadas teñen medo a sacalos á luz polas posibles consecuencias tanto para elas como para quen está ao seu redor.

Porén, maltratar non significa necesariamente empregar violencia. Nin sequera ten por que haber animosidade ou consciencia de que se está maltratando. Unha mala palabra, a falla de tacto en certas situacións, unha atención inadecuada… son factores que poden provocar dor ou danos, tanto físicos como psicolóxicos.

O coñecemento técnico desta temática é determinante para as persoas responsables da atención profesional ás persoas maiores e por iso a organización busca facilitar unha capacitación básica á hora de recoñecer e practicar o bo trato na atención ás persoas maiores.

O obradoiro impartirano unha psicóloga e máis unha terapeuta especializadas, que ofrecerán unha capacitación básica á hora de abordar o maltrato ás persoas maiores. Os temas que se tratarán serán a definición, tipoloxías e factores de risco do maltrato; a detección do maltrato ou de condutas neglixentes; a importancia da prevención e, por último, os protocolos de intervención ante casos de maltrato.

O encontro terá lugar esta tarde entre as 17 e as 19 horas na casa da Cultura de San Sadurniño. Na organización están implicadas a sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e o centro residencial de maiores Suacasa, en colaboración co Concello de San Sadurniño.

 

 

Lea también

16 negocios de hostelería participan en una nueva edicion de “Neda a petiscos”

El Ayuntamiento ha presentado este viernes 19 una nueva edición de “Neda a petiscos”. La …