Esquecidos persoeiros ferroláns

burgoa-272x125Juan J. Burgoa-TIRANDO A DAR

O día 18 de Outubro de 1762 naceu en Ferrol José Lucas Labrada Romero, un dos máis senlleiros representantes da Ilustración de Galicia. Traballou durante 55 anos, 40 deles como Secretario, no Real Consulado da Coruña, unha institución ilustrada da maior importancia para os intereses marítimos e económicos galegos. Foi o autor da publicación “Descripción Económica del Reyno de Galicia”, que constitúe unha magnífica exposición dos problemas económicos da Galicia do século XVIII, obra que se reputa como o primeiro libro editado en Ferrol, precisamente o ano 1803.

Tan importante persoeiro non só non ten ningunha lembranza (placa, monumento ou nome de rúa) na súa cidade de nacemento se non que o 250 aniversario do seu nacemento pasou totalmente desapercibido en Ferrol. Outros dous coñecidos persoeiros da época da Ilustración, tamén nacidos en Ferrol, Juan José Caamaño y Pardo, Rexedor Perpetuo da vila de Ferrol, e o crego José Fernández Varela, mecenas e Irmán Maior Honorario do Hospital de Caridade, son tamén personaxes máis recoñecidos fóra da Cidade Ensimesmada que na súa vila natal.

O día 2 de Xuño de 1812, naceu en Ferrol Domingo Díaz de Robles, militar e significado escritor en galego e castelán. Xunto a Antolín Faraldo, Francisco Añón e Neira de Mosquera, foi un coñecido membro do Rexurdimento galego, pioneiro na tarefa de comezar a crear unha conciencia galega, aínda dentro do provincialismo, en oposición ao centralismo e a uniformidade que significaba Madrid naquela época. Neste traballo a prol de Galicia fundou a coñecida revista “El Idólatra de Galicia”, publicación semanal que foi o órgano de expresión do provincialismo en Santiago.

Díaz de Robles publicou numerosos traballos referentes á historia de Ferrol e a súa comarca, e, de xeito particular, relativos as etimoloxías de Galicia, A Coruña e Ferrol. Está considerado como un dos iniciadores do estudio do folclore ferrolán, publicando abondosos poemas en galego e recompilando una serie de romances ou cantares populares alusivos a Ferrol. Do mesmo xeito que os anteriores tampouco este importante escritor ten lembranza algunha na súa cidade natal.

Nesta lista de esquecementos pódense engadir outros casos de notables ferroláns como o de José Ferrer de Couto, militar, escritor e periodista, que rematou a súa vida dirixindo en Nueva York o periódico “La Crónica”; José López de la Vega, emigrante en Arxentina e Brasil, autor de traballos relacionados coa súa profesión de médico así como ensaios, poemas, obras literarias e teatrais, que morreu en Madrid na máis completa miseria; Emiliano Balás Silva, tamén médico de profesión, recoñecido pintor, escritor e poeta en galego e castelán, presidente do Ateneo Ferrolán; Francisco Cabo Pastor, outro médico, escritor e poeta en castelán e galego, membro de Irmandades da Fala e de Solidariedade Galega, quedou pronto cego e faleceu con 101 anos cumpridos; e así moitos máis, hoxe esquecidos na Cidade Ensimesmada.

Deste xeito, a ver se decatanse da existencia destes e doutros importantes persoeiros ferroláns os pelexados inquilinos do edificio do Legado Carajal, os intrépidos periodistas de Ferrol Diálisis, a desnortada editorial EnBroma, as Sociedades Artríticas de pintores do Belelle e da Frouxeira, e os arroutados amigos dos Reais Coros e das Rondallas Republicanas, entre outros paspáns culturais dunha urbe que fixo Fillo Adoptivo a un señor da Coruña que polo visto un día tomou un cafeliño na cidade, mentres que o propio Concello de Ferrol non é quen de nomear para ese galardón a Rodolfo Ucha Piñeiro, que tan inesquecible pegada deixou na Cidade Ensimesmada.

 

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …