O BNG en Fene critica o veto sobre o naval

(Rosana Pérez)
(Rosana Pérez)

O candidato número 2 do BNG ao Parlamento Europeo, Xosé Manuel Carril, participou este mércores, día 21, nun acto público do BNG no Colexio de San Valentín, conxuntamente coa deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, e o portavoz municipal do BNG, Juventino Trigo. Na entrada do local e, antes do comezo do acto, os participantes portaron cartaces coa lenda «STOP CENSURA AO BNG», en protesta pola decisión da XEC de suspender a cobertura da información dos actos do BNG na TVG e na RG.

Precisamente sobre este tema, Carril afirmou que » estamos perante un criterio político seguido por unha Xunta Electoral de Madrid que se permite a licenza de lle impor aos medios de comunicación públicos galegos criterios de censura á realidade política do propio país, neste caso dunha forza política significada, social e electoralmente, como é o BNG. Corren mais tempos para a democracia..:».

O candidato nacionalista dixo que «esta actitude demostra claramente que o BNG é a forza que lles molesta, porque andamos a explicar unha realidade que os compromete políticamente: a dunha UE que non deixou máis que vetos e limitacións aos nosos sectores produtivos», afirmando logo que «»os que acreditamos nas nosas capacidades, o BNG, non podemos confiar nun proxecto como o da UE, que non pasa de ser un mercado capitalista ao servizo dos depredadores financieiros e vai laminando a economía produtiva dun pais como o noso que, sendo rico, fica empobrecido». «Por iso» -finalizou Carril -«queren silenciarnos».

SITUACIÓN DA COMARCA

No mesmo acto, foi a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, a que fixo unha referencia á situación da comarca «neste concello, que é o epicentro dunha das maiores agresións que se lle pode facer a un pobo, como é negarlle o dereito a producir», referíndose ao veto existente sobre o naval, para afirmar que «PSOE e PP perpetuaron unha decisión política que levou á comarca a índices de desemprego alarmantes, exclusión social e empobrecimento, e agora ¿teñen a caradura de vir a pedirvos o voto…???»

Rosana Pérez dixo tamén que «para os que acreditamos nas nosas potencialidades e queremos vivir dignamente, o voto ao BNG é tamén un veto a unha UE que vive pendente dos intereses dos mercados, dos monopolios e dos bancos; mentras abandona e veta os sectores produtivos que crean traballo e riqueza, como o naval«. A deputada nacionalista rematou afirmando que «contra do proxecto uniformizador da UE, precisamos soberanía; porque o que nos xogamos é xustamente a nosa existencia como país», facendo un chamamento a un voto «de rebeldía cos depredadores, e de compromiso con Galiza».

Lea también

Valdoviño celebra su Feirón mensual

Los puestos regresan este domingo 28 a la Puerta del Sol de Valdoviño, que acogerá …