O orzamento municipal de San Sadurniño increméntase en preto de 212.000 euros

concello san sadurniño 30-6
O pleno ordinario deste mes de xullo foi o primeiro que se celebrou na nova Casa do Concello. A orde do día compuxérona nove puntos con escaso debate agás en dous deles: o da aprobación do acordo alcanzado co persoal laboral sobre como se lle complementarán os salarios en caso de incapacidades temporais e, por outra banda, a moción presentada polo BNG solicitando un cambio no modelo de Estado. Onde cadraron os tres grupos foi na aprobación de dúas modificacións no orzamento que aumentarán a súa contía para este ano en máis de 200.000 euros. Cartos que irán parar á mellora da rede viaria. Na sesión tamén se aprobou unha declaración sobre o cambio da sede consistorial, situada desde hai dúas semanas no lugar do Casal nº 16. A novidade deste pleno non reside só no novo lugar, senón tamén en que a partir de agora as gravacións das sesións estarán dispoñibles na rede.

O alcalde contextualizou a declaración botando man dun artigo publicado no Pumariño en 1978, onde se explica como foi parar o Concello en 1863 ao convento do Rosario e cales foron os motivos de que, 151 anos depois, cambiase para o pazo. Entre eles as necesidades de máis espazo e o feito de dispor dun edificio histórico ao que darlle utilidade pública.

Houbo unanimidade dos tres grupos neste asunto e tamén nos tres seguintes, todos eles de índole económica. Aprobáronse dúas modificacións de créditos que, na práctica, supoñen un incremento de 212.000 euros do orzamento municipal. Unha cantidade que non se reflectiu no documento aprobado en decembro do ano pasado pero que o goberno local xa manexaba entre as súas previsións de ingresos. Por unha banda aprobouse habilitar unha partida cercana aos 150.000 euros no capítulo de investimentos, provenientes do plan DTC provincial e con destino ao aglomerado da estrada entre a Vidueda e o Chao. Por outra tamén se aprobou a incorporación aos orzamentos de 2014 de case 63.000 euros do resultado positivo das contas de 2013. Neste caso os cartos irán a un programa específico de reposición da infraestrutura viaria de todo o territorio.

A este respecto o PSOE solicitou que as obras servisen para darlle emprego a persoas do municipio. O alcalde sinalou que este tipo de obras -para as que se están elaborando xa as memorias técnicas- non poden facerse por administración, senón que cómpre contratarllas a empresas do sector. Firmas que en moitos casos son da zona e que, para o alcalde, tamén contribúen a crear emprego na comarca.

O último dos puntos económicos que tamén obtivo a unanimidade plenaria foi o da aprobación dunha transferencia para que a UDC Narahío acometa as obras de mellora do local social da parroquia de Naraío. Serán 10.000 euros cos que a entidade acondicionará os aseos e a accesibilidade a un recinto onde se desenvolven actividades municipais, como a ximnasia das persoas maiores, as escolas de gaita, percusión e pandeireta, ademais de ser desde hai algúns anos o local electoral da parroquia.

INCAPACIDADES TEMPORAIS DO PERSOAL LABORAL

O asunto que máis debate xerou foi o referido á aprobación plenaria do acordo co persoal laboral para que o Concello complemente os seus salarios en caso de incapacidades temporais. Un complemento que se viu reducido co decreto estatal 20/2012 pero que pode recuperarse se hai un pacto entre a administración e os empregados. O persoal laboral solicitou formalmente abordar o asunto no marco da negociación do convenio colectivo e o acordo alcanzado recolle tres casos: quen se rebaixe por unha doenza común percibirá durante os 3 primeiros días como complemento o 50% do que cobrara o mes anterior; entre o día 4 e o 20, complementarase ata o 75 por cento, mentres que do 21 en diante o Concello achegará como complemento ata o 100 por cento. No caso accidentes ou enfermidades laborais, en casos especiais por hospitalizacións ou intervencións cirúrxicas, a aportación municipal será tamén do 100 por cento.

A proposta aprobouse cos votos a favor do BNG e a abstención de PP e PSOE.

MOCIÓN DO BNG PARA «SUPERAR O MODELO DE ESTADO»

Esta moción foi presentada pola vía ordinaria polo grupo municipal do BNG. A proposta arranca criticando a monarquía por ser «un réxime incompatible cun sistema democrático, un réxime vitalicio e hereditario establecido pola graza de Deus e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo». Neste sentido, segundo o BNG, a cidadanía galega precisaría «liberdade e capacidade para decidir nun espazo que garanta o dereito de autodeterminación dos pobos». A moción nacionalista insta á Xunta de Galicia a que demande do Goberno do Estado o inicio dun proceso constituínte «que supere o réxime borbónico e garanta o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español, recoñecendo o seu dereito a decidir».

A moción presentada polo BNG saiu adiante só cos seus votos, xa que o PSOE se abstivo e o PP votou en contra.

Lea también

Un jurado declara no culpable a la mujer acusada de matar a su marido en Monfero

El Tribunal del Jurado ha considerado a la acusada de matar a su marido en …