San Sadurniño destina 91.000 euros a cultura, deporte e a educación

homeorquestra-660x330
A última sesión da Xunta de goberno local deulle o visto e prace á proposta de distribución das axudas para cultura e deportes da convocatoria de 2014. En total son 11.500 euros para actividades culturais e 5.500 para deportes, ademais dos 2.000 euros que percibirán O Castelo de Narahío e Adiante de Igrexafeita para o mantemento das súas instalacións. Porén a contía destinada a axudas para a veciñanza é aínda maior se se conta a colaboración coas comisións de festas, os convenios puntuais suscritos con entidades do municipio, as bolsas de estudo e as destinadas a servizos de conciliación. En total San Sadurniño dedica a este apartado un montante global de 91.000 euros.

No apartado de cultura a A.VV. Xuntanza de Lamas percibirá 1.634 euros, O Pico de Ferreira 1.184, a Confraría de San Pipote 1.649 euros, O Castelo de Narahío 3.209, Adiante de Igrexafeita 1.394 euros, a ACD Santa Mariña do Monte 1.229, a Asociación Brío 900 euros e os Cabaleiros de Santa Mariña 300.

A XGL tamén acordou a concesión de 1.000 euros para O Castelo de Narahío e outros tantos para Adiante como contribución aos gastos de mantemento, infraestruturas e equipamento dos seus locais.

Por outra banda, no apartado de actividade deportiva a UDC Naraío percibirá 2.300 euros, o Clube de fútbol sala de Santa Mariña do Monte 625 euros e a Sociedade de Caza Naraío-Igrexafeita 900.

Para cobrar as axudas as entidades terán que presentar a documentación xustificativa o 30 de novembro como moi tarde. As comisións de festas, teñen todo o ano para pedir as axudas. O Concello reservou 3.000 euros -300 euros de axuda máxima por comisión- e terán que presentar a solicitude, ao máis tardar, un mes antes da festa que vaian organizar.

Xunto coas subvencións para actividades culturais e deportivas, o Concello mantén no seu orzamento outras liñas de colaboración tanto coas entidades como coa cidadanía. Así, este ano reservou 34.000 euros para convenios co C.F. San Sadurniño, o Aldebarán de volei e o clube ciclista Biela e Chaveta de cara ao mantemento de escolas municipais e para apoio técnico en eventos organizados polo Concello. Esta cifra incrementouse recentemente cos 10.000 euros que o Pleno aprobou destinar á mellora do local da UDC Narahío, onde se están construíndo uns novos aseos.

O Concello tamén suscribiu un acordo de 1.000 euros coa AGFA do Eume para o mantemento da horta de froiteiras. Coa ANPA do CPI asinouse un convenio de 4.000 euros para o finanzamento de actividades extraescolares e, por outra banda, mantense a reserva orzamentaria de 20.000 euros co obxecto de conceder bolsas de estudo e de subvencionar servizos de conciliación. 15.000 son para estudos, 2.000 para casos de emerxencia social e os 3.000 restantes para servizos de conciliación. Cómpre lembrar que o prazo para solicitar estas últimas axudas -as de conciliación- está aberto ata o 15 de novembro.

Lea también

Valdoviño y Aspaneps favorecen el reciclaje de tapones de plástico

El Ayuntamiento de Valdoviño y Aspaneps, Asociación de Padres de Niños con Problemas Psicosociales,  inician …