A Deputación da Coruña modifica as bases do POS

O pleno da Deputación da Coruña aprobou o pasado 12 de setembro por unanimidade as bases do Plan de Obras e Servizos para o ano 2015 coa intención de impulsar as obras e os investimentos a realizar nos concellos da provincia.

Por iso, e con respecto ao exercicio anterior, o plan inclúe novidades importantes, como é a recuperación das porcentaxes que os concellos deben destinar a obras ou a gasto corrente e amortización de débeda.

O texto refrendado pola corporación recupera así os límites incluídos no POS antes de que o actual goberno os mudara para axudar aos concellos a financiar o seu gasto corrente. É dicir, vólvese fixar nun 60% a achega para obras e investimentos e nun 40% a achega para gasto corrente ou amortización da débeda.

O actual goberno provincial tiña cambiado as bases hai dous anos debido á difícil situación económica que estaban a pasar os concellos naquel momento, aumentando as cantidades do POS que podían utilizar para facer fronte ao seu gasto corrente.

Agora, en palabras de Diego Calvo e seguindo a tendencia de “estar ao lado de todos os concellos cando máis nos necesitan”, increméntase a porcentaxe a destinar obrigatoriamente a obras co obxectivo de “fomentar os investimentos cando se empeza a notar a recuperación económica nas arcas municipais”.

ADIANTO DOS PRAZOS E “PREMIO” PARA OZA-CESURAS

Outro dos cambios está no adianto dos prazos tanto na aprobación das bases como na presentación dos proxectos por parte dos 93 concellos da provincia, que deberán achegar toda a documentación necesaria, de xeito telemático, entre o 1 de outubro e o 1 de decembro.

[Adxúntanse as tablas das achegas do POS aos concellos]

INSTRUMENTALIZACIÓN E XESTIÓN DOS CENTROS ETNOGRÁFICOS DE CURTIS E COIRÓS

O pleno tamén deu saída á renovación dos convenios que a Deputación mantén cos concellos de Curtis e Coirós para a instrumentalización da xestión dos centros etnográficos situados en Teixeiro e Chelo, respectivamente.

No primeiro caso, o obxectivo é financiar a xestión do centro construído ao amparo do Proxecto Mandeo cunha achega provincial de 7.200 euros, o que supón o 100% do orzamento para a contratación do persoal.

Pola súa banda, o Concello de Curtis comprométese a fomentar as visitas organizadas para colexios e estudantes e abrir as instalacións de martes a venres de 10 a 13 e de 16 a 19 horas. Os sábados e domingos, de 10 a 13.

No que se refire ao Centro de interpretación do entorno fluvial do río Mandeo situado en Chelo, a Deputación achegará 4.500 euros para a contratación de persoal ata finais de ano, mentres que o concello encargarase da atención dos visitantes. Este centro abrirá venres, sábados e domingos de 10 a 13 horas e de 16 a 19.

PLAN DE RECUPERACIÓN DE CAMIÑOS DE TITULARIDADE MUNICIPAL

Por unanimidade dos membros da corporación, tamén se deu luz verde ao convenio que se asinará coa Consellería de Medio Rural e do Mar para financiar as actuacións do plan de mellora de camiños de titularidade municipal cofinanciado con fondos FEADER. A achega da Deputación será de 867.376,85 euros.

“Así conseguimos que as obras poidan estar iniciadas xa o 1 de xaneiro do ano que vén, porque deberán estar rematadas o 1 de novembro do 2016”, explicou o presidente provincial, Diego Calvo, que falou tamén do terceiro e último cambio que incluirá o POS 2015. “Prometemos discriminación positiva para os concellos fusionados e o estamos a cumprir, xa que este ano Oza-Cesuras leva as cantidades que lle correspondería a cada concello por cota fixa e se lles incrementa ademais o 20%”, matizou Calvo.

Lea también

Comienzan los nombramientos de cargos en la Xunta. Martina Aneiros regresa como delegada de la Xunta en Ferrol

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, profundiza en la reforma del Gobierno autonómico con …